Sunday 19 de May de 2024

O conselleiro de Cultura e Turismo asistirá en xaneiro á reunión dos concellos promotores do Camiño a Santiago pola Ría de Muros Noia


 

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, entrevistouse con Román Rodríguez para interesarse polos avances no recoñecemento deste itinerario como ruta histórica

A alcaldesa de Lousame e presidenta da ARD Ría de Muros-Noia, Teresa Villaverde, vén de reunirse co conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, para informarse sobre o estado de tramitación do traballo “Recompilación e análise da documentación histórica. Camiño de peregrinación a Santiago de Compostela pola Ría de Muros-Noia”. “Trátase dun estudo que entendemos que evidencia a existencia de testemuñas arqueolóxicas, históricas e documentais suficientes para acreditar a historicidade do Camiño a Santiago pola Ría de Muros-Noia”, explica Teresa Villaverde.

Unha historicidade que está pendente do pronunciamento favorable por parte da Dirección Xeral de Patrimonio, que podería chegar nos próximos meses. A alcaldesa lousamiá puxo en valor o traballo realizado polos nove Concellos implicados neste proxecto (Ames, Brión, Lousame, Muros, Noia, Outes, Porto do Son, Rois e Santiago), así como o impulso inicial propiciado pola ARD Ría de Muros-Noia, entidade que financiou a realización do estudo histórico.

Así mesmo, Villaverde Pais informou ao conselleiro sobre os avances logrados nos últimos meses de cara á constitución da Asociación de Concellos do Camiño a Santiago pola Ría de Muros-Noia. “Oito dos nove concellos xa teñen os estatutos aprobados nos seus respectivos plenos e agardamos que Santiago faga o propio en breve”, indicou a alcaldesa.

Reunión en Santiago

Finalmente, Teresa Villaverde convidou ao conselleiro de Cultura e Turismo a asistir á próxima reunión dos nove alcaldes que integran a Asociación de Concellos do Camiño a Santiago pola Ría de Muros-Noia, que terá lugar o vindeiro venres 10 de xaneiro no Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela. “O conselleiro confirmoume a súa asistencia e que falará cos nove alcaldes para explicarlles a situación na que se atopa a tramitación da historicidade da ruta e dos pasos inmediatos a seguir”, explica Villaverde Pais, quen indica que “tamén aproveitaremos para recuperar as reunións periódicas que adoitabamos ter en Lousame para pulsar os avances na inciativa”.

O obxectivo dos nove concellos é que este itinerario sexa recoñecido primeiro como ruta histórica e, posteriormente, obteña a declaración oficial de Camiño de Santiago. Para iso, xa se ten recompilado numerosa documentación histórica e se ten avanzado no traballo de campo para delimitar o trazado da ruta.